Thursday 02 de May de 2024

A Mesa pola Mobilidade Sostible impulsa a declaración da Coruña como “Cidade 30”


O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, presidiu esta tarde en María Pita a constitución da Mesa formada por un total de 24 entidades

O concelleiro de Urbanismo, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, presidiu esta tarde en María Pita a constitución oficial da Mesa Pola Mobilidade Sostible, que pretende ser un foro estable de traballo para analizar as propostas que nesta materia presenten os distintos axentes vinculados á mobilidade, tal e como se fai nas principais cidades europeas.

A declaración da Coruña como “Cidade 30” será unha das primeirias medidas que impulsará a Mesa. A limitación xeral de velocidade na circulación será de 30 quilómetros por hora e nas vías con plataformas únicas reducirase a 20 e incluso a 10 qilómetros por hora. A medida, explicaron, terá validez en todo o conxunto urbano agás nas vías que teñan dobre carril. Deste xeito, os peóns e as peoas gañarán protagonismo e poderanse mellorar os espazos urbanos. Neste sentido, A Coruña tamén se incorporará á Rede de Cidades que Camiñan.

Tamén se deu o visto e prace á adhesión á Declaración da Coruña por unha mobilidade máis sostible aprobada pola Corporación no pasado pleno do 3 de outubro. O obxectivo fundamental da Declaración é a implicación de todos os axentes e sectores, públicos e privados, da cidade en favor dunha política de mobilidade sostible coordinada cun modelo de crecemento urbano que aposte por unha maior cohesión social.

Doutra banda, o titular de Urbanismo e Mobilidade presentou á Mesa un borrador dunha instrución para regular de xeito provisional a circulación dos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), que na cidade non poderán circular polas beirarrúas. Villoslada confía en que poida aprobarse rápido, porque a intención da súa concellería é a de sacar adiante unha nova ordenanza de mobilidade na cidade.

Nota de Prensa

A Mesa debateu sobre algunhas melloras no transporte público, entre elas, a futura instalación de plataformas que estarían reservadas para os buses, bicicletas e vehículos de mobilidade persoal. E puxose sobre a mesa a necesidade de revisar algunha das líñas de autobuses co fin de mellorar a conectividade entre os barrios.

A transformación dos espazos publicos para humanizalos e darlle prioridade ás e aos peóns tamén estivo no orde do día. O edil de Urbanismo explicou aos e ás representantes das entidades que o Goberno ten previsto unir o parque de San Diego co Agra do Orzán a través dunha rolda peonil. Ademais, dixo, levaránse a cabo proxectos de urbanización e peonalización nalgunhas rúas da cidade como as que están a desenvolver en Puga e Parga e proximamente en Mariscal Pardo de Cela.

A mesa está integrada por representantes de: – Dirección Xeral de Moilidade da Xunta – Deputación da Coruña – Demarcación de Estradas do Estado en Galicia – Xefatura Provincial de Tráfico da Coruña – Autoridade Portuaria – Universidade da Coruña – Colexio de Enxeñeros de Camiños, Canais e Portos – Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia – Cámara Oficial de Comercio – Confederación de Empresarios – Federación das Asociacións de Veciños – Mesa Local do Comercio – Compañía de Tranvías – Representación do sector do taxi da Coruña – Stop Accidentes Galicia – Grupo de Accesibilidade Coruña -Representación dos colectivos de ciclistas -Os tres sindicatos maioritarios: UGT, CC.OO. e CIG -A Confederación Nacional de Autoescolas (CNAE) -O Colexio de Enxeñeiros Industriais
Nota de Prensa

-Colexio de Enxeñeiros de Obras Públicas -A federación de ANPAS -O polígono industrial da Grela -O polígono industrial de PO.CO.MA.CO.

Tamén forman parte da mesa con voz e voto unha persoa representante de cada grupo municipal do concello, a directora da área de Mobilidade, Elvira Quintairos; o director de Seguridade Cidadá, Carlos García Touriñán; e a directora da área de Medio Ambiente, Angelika Lorenzen.